Persoas da rede Tecendo Raíces reunidas en círculo

Tecendo Raíces, un tecido vivo que aprende, inspira e cocrea novas realidades

Un proxecto vivo, tres piares compartidos e vontade de construír o común.

Que é Tecendo Raíces?

Unha rede de proxectos galegos con Alma e Terra, que nace do encontro entre persoas e proxectos que están a crear novas formas de habitar, coidar e relacionarse en Galicia. Proxectos diversos, con percorridos e formas xenuínas, unidos por unha visión común: a vontade de coidar a Terra, os vínculos e os procesos humanos que sosteñen a vida.

Somos unha rede viva, en construción e movemento, creando espazos para recoñecernos, apoiarnos, compartir coñecementos e recursos, xerar colaboracións e abrir novos camiños conxuntos.

A rede articúlase arredor de tres piares fundamentais:

O coidado da Terra

Entendendo que formamos parte dun territorio vivo que precisamos coñecer, respectar e rexenerar.

O coidado dos vínculos

Creando relacións baseadas na confianza, a colaboración, a comunicación e o beneficio común.

O traballo persoal e espiritual

Entendido desde a liberdade de cada proxecto e como unha dimensión que nos axuda a vivir e crear con maior conciencia.

Máis que unha plataforma de difusión, Tecendo Raíces é unha rede de apoio mutuo. Os proxectos reúnense periodicamente en diferentes lugares de Galicia para coñecerse, compartir aprendizaxes, detectar necesidades, impulsar colaboracións e deseñar accións conxuntas que multipliquen o impacto de cada iniciativa.

Se tes un proxecto na natureza, que estea xa vivo (xa creado ou en proceso de materialización) podes unirte á nosa rede sempre e cando teñas afinidade con estes piares e teñas vontade de participar activamente na construción común.

Cubre o formulario de solicitude e/ou ponte en contacto con nós.